A cidade Interpretada
- Qué facer coas nosas prazas?
13 de setembro de 2006 - 26 de novembro de 2006
Santiago de Compostela,
Espacio público
A Concellaría de Cultura leva adiante un proxecto artístico internacional que se vai desenvolver en oito espazos públicos da cidade ao longo deste trimestre: nel, oito artistas plásticos, dous galegos e seis doutros países, seleccionados por Pablo Fanego, abrirán debate debates e ofrecerán pautas de reflexión colectiva e individual sobre os espazos públicos e o seu uso como lugares de encontro e convivencia, abrindo perspectivas e rachando as inercias que nos impiden que ver con ollos novos o que nos arrodea a cotío.
O proceso de creación abrangue espazos na rúa das Hortas (a eslovena Apolonja Sustersic ofrécenos o cotrapunto á Cidade da Cultura), nun lateral da praza de Cervantes (o británico Nathan Coley reflexiona sobre o poder da crenza na sociedade cunha estrutura de madeira que lembra a unha igrexa, ademais de ser proxectado o seu vídeo A síndrome de Xerusalén), na sé da Fundación Granell, no pazo de Bendaña coronado por un minarete do galego Jorge Barbi, unha estrela fugaz da belga Germaine Kruip na Alameda, para pensarmos na intersubxectividade, e unha reflexión sobre os espazos de encontro da man da galega Carme Nogueira, co contraste entre dúas prazas: a natural do Cruceiro de San Pedro e a artificial da Trisca.
Todas as instalacións que se monten no marco deste proxecto serán reversibles, temporais e efémeras: desenvolveranse en varias fases até finais de ano: nesta primeira estarán estes cinco artistas,e na seguinte, do 8 de novembro ao 17 de decembro, poderemos coñecer as impresións do portugués Andrés Guedes na Praza do Obradoiro e na de Mazarelos, do eslovaco Roman Ondák en Fonseca ou do austríaco Hans Schabus na Ferradura.
Apoian o proxecto o COAG, o CGAC, o British Council, o Instituto das Artes de Portugal , o Consorcio, a Fundação Calouste Gulbekian, a Fundação Luso-Americana, o Ministério de Cultura portugués e a Mondriaan Stichting, ademais da colaboración da Concellaría de Rehabilitación, Casco Histórico e Centros Socioculturais, con Mercedes Rosón ao fronte.